Friday 03 de May de 2024

A Pobra continúa inmersa no Maio das Letras Galegas


A programación do Maio das Letras Galegas prosegue na Pobra do Caramiñal para lle render unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego neste 2023. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explica que para esta semana se proxectan unha xincana infantil, unha xornada tradicional, obradoiros e un festival. Trátase dunha axenda, segundo apunta a edil, pensada especialmente nas novas xeracións e cun papel significativo do tecido asociativo para “poñer en valor as nosas letras.”

O concurso Na procura das Letras Galegas daralle continuidade ó programa no día 16, a cargo de Barafunda Animación e destinada ós colexios da primaria, a partir das 10.00 horas, polas prazas e rúas.

Nesa mesma xornada, a biblioteca municipal Victoriano García Martí acollerá a proposta Xogando a reciclar, da man de Fanny Medio Ambiente, das 18.00 horas en diante.

Un dos pratos fortes terá lugar no propio 17 de maio con “Ronsel de verbena”. Dende as 11.00 deica as 14.00 horas, as prazas do núcleo urbano converteranse nun punto de encontro coa cultura: haberá un percorrido guiado, escenas costumistas, música, bailes, cantos e desfile de traxes tradicionais. Todo isto grazas á implicación de Caramiñas, Eiradela, Arrancadeira, Xiada, Ruadiña e o Museo Valle-Inclán. Os espazos elixidos son o adro da igrexa do Castelo, os Xardíns de Valle-Inclán, a praza de Maura, a praza de Galicia, a praza Victoriano García Martí e a praza do Cantón da Leña.

Arrancadeira achega uns obradoiros de maios no día 19. O etnógrafo e folclorista Carlos Rey Cebral impartirá a parte teórica na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal para afondar máis sobre esta tradición. Iniciarase ás 19.00 horas, se ben xa se estará preparando todo arredor das 18.30 horas. Deseguido, levaranse á práctica os coñecementos adquiridos. Efectuarase no Cantón da Leña, onde se realizarán catro maios para decora-las catro prazas que serán escenario no día 20 do festival Bailando ás flores, que lle porá o broche de ouro ó cartel. Este espectáculo itinerante desenvolverase a partir das 19.30 horas na praza do Cantón da Leña, praza de Maura, praza de Rosalía de Castro e Xardíns de Valle-Inclán. Pretende contribuír a divulga-la nosa música e baile tradicional. Ademais da actuación de Arrancadeira, contarase coa participación de Xiada, Ruadiña, Abeloura e A Pinguela de Bama.